
Os planetas baixan a Infantil
Esta semana as nosas aulas de Educación Infantil recibiron unha visita moi especial. Un grupo de alumnos e alumnas de 1º da ESO baixou cos seus titores e titoras para contarnos como é o sistema solar.
Con monicreques, contos e narracións preparadas con moito agarimo, os maiores presentáronnos un a un os planetas que xiran arredor do Sol. Contáronnos as curiosidades de cada un: cal é o máis grande, cal o máis caloroso, cal ten eses aneis tan famosos… Os cativos escoitaron cos ollos ben abertos e gozaron moitísimo de cada historia.
Despois chegou a quenda das preguntas, e aí os maiores descubriron algo que quizais non esperaban: os nosos nenos e nenas de Infantil saben moito de planetas. O curso pasado traballamos o Universo en profundidade nun dos nosos proxectos, así que houbo preguntas, respostas e algún que outro dato sorprendente. Para que non quedase ningunha dúbida, cantámoslles a nosa canción dos planetas. Foi todo un éxito!
Momentos coma este lémbrannos o bonito que é aprender uns doutros. Os maiores ensinan, os pequenos sorprenden, e entre todos facemos do cole un lugar onde compartir o que sabemos.
Grazas, rapaces e rapazas de 1º da ESO, por esta visita tan especial! Agardámosvos pronto de volta.




