Back

Celebramos a semana da lectura por todo o alto!

Estes días celebrouse a semana da lectura na etapa de educación primaria, onde o alumnado
mais o profesorado gozaron de numerosas actividades somerxidos nun mundo pirata.

O pasado luns, as nenas e nenos de primaria, chegaron ao colexio e atopárono totalmente distinto: piratas, illas, canóns, barcos, loros… Unha aventura pirata daba comezo, e o alumnado estaba totalmente abraiado! Ademais, como parte da decoración, había numerosos carteis con profesores e profesoras piratas polos que se ofrecía unha boa recompensa. Que emocionante!

Numerosas e variadas actividades fóronse levando a cabo ao longo destes días. Cada mañá, as nenas e nenos escoitaron unha adiviña relacionada con famosos personaxes de contos. Ao rematar a semana, sorteouse entre o alumnado de cada clase un libro pirata que nos fixo chegar a Anpa, e polo que estamos moi agradecidas.

Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º gozaron de divertidas xincanas que tiveron que superar nas súas clases de educación física. O alumnado de 4º, 5º e 6º tivo que resolver xogos de scape room literarios do máis intensos pero que, con traballo en equipo, conseguiron facer con éxito.

A lectura e os contos estiveron presentes a través de actividades especiais. A nosa auxiliar de conversación, Maeve, contou fascinantes historias piratas ás nenas e nenos dos distintos niveis nas clases de lingua inglesa. Ademais, tivemos a actividade de “apadriña a un lector”, na que o alumnado de 6º compartiu tempo de lectura co de primeiro; tanto os máis pequenos coma os maiores sentíronse moi emocionados e emocionadas coa experiencia.

Mais non todo é lectura! As nenas e nenos tamén estiveron realizando actividades de escritura, nas que redactaron marabillosas historias piratas. Ademais, nas clases de plástica, estiveron facendo binóculos, barcos pirata, loros, bandeiras, mapas do tesouro e cofres.

Como nos gusta tanto escoitar historias, tivemos a sorte de ter entre nós a Charo Pita, unha coñecida contacontos e escritora galega que nos fixo gozar moito cos seus contos!

Por último, todos os nenos e nenas participaron nunha divertida actividade: tiveron que escribir unha mensaxe na que debían expresar por que ler é importante, e puideron engadir algunha recomendación de libros que lles gustaban. Cada unha destas mensaxes meteuse nunha botella de plástico, para despois colocar todas xuntas colgando nas paredes do patio cuberto. O máis emocionante será que, dentro dunhas semanas, cada neno e nena recibirá unha botella coa mensaxe escrita por algún dos moitos compañeiros e compañeiras da etapa de primaria.

Estamos moi agradecidas e agradecidos ao marabilloso equipo de profesorado que se implicou e organizou esta semana chea de actividades e dinámicas feitas con tantas ganas e agarimo. Estamos seguras de que as nenas e nenos non esquecerán estes días, e que a súa motivación para ler e escribir continúa en aumento.

Esperamos con moita emoción a semana da lectura do próximo curso escolar, namentres agardaremos lendo apaixonantes historias!


La Salle Santiago
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerle la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en su navegador y realiza funciones tales como reconocerle cuando vuelve a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentra más interesantes y útiles.