Intercambios lingüísticos 2023
Somos colexio plurilingüe polo que apostamos con firmeza polas linguas e, sen dúbida, a mellor maneira de aprendelas é mergullarse na súa cultura e poder coñecer a xente autóctona. Alegrámonos moito de poder retomar este curso os intercambios, despois do parón provocado pola pandemia.
En xaneiro recibimos a 32 alumnos do colexio La Salle de Nantes, de Francia. Os nosos alumnos de 2.º ESO acolléronos nas súas casas con moita ilusión. Ensinámoslles o noso centro, a nosa cultura, as nosas paisaxses, a nosa gastronomía e ademais abrímoslles o noso corazón. No mes de maio, viaxaremos ao país galo para completar esta fantástica experiencia.
No mes de febreiro tamén recibimos a un grupo de 23 alumnos dun colexio preto de París. Os seus correspondentes eran de 3.º ESO e houbo unha química especial entre eles dende o primeiro día. Durante esta semana estiveron nas nosas clases, aprenderon a falar español e algunhas verbas en galego. Participaron activamente nas actividades propostas, xogando puideron descubrir a nosa cidade. Ademais, levámolos á Coruña e visitaron o Castro de Baroña, incluso os acompañamos nunha etapa do camiño de Santiago, nada menos que 20 quilómetros.
No mes de marzo visitaremos aos nosos correspondentes parisinos, de seguro que nos agardan estupendas aventuras.
Aínda nos queda por acoller un grupo alemán que chegará no mes de maio, neste caso con correspondentes de 4.º de ESO. Por outra parte, os nosos alumnos de 1.º ESO terán a posibilidade de viaxar a Inglaterra e vivir unha experiencia de inmersión na cultura e lingua inglesas durante o mes que vén.
Aprender idiomas é apaixonante e xuntos… mellor!