Encontro de formación de orientadores en Valladolid
O lugar elixido, como en anteriores ocasións, foi a Casa Parmenia, residencia e lugar de traballo do Equipo de Animación.
• No encontro participaron 15 orientadores procedentes das diferentes obras educativas da zona noroeste.
Coidarse para coidar a outros; unha frase cada vez máis importante nos tempos que corren, onde a saúde mental e o coidado da persoa tomaron unha dimensión central na escola e na sociedade. Axudar a que os alumnos crezan de maneira sa e ofrecer diferentes puntos de vista nos seus criterios, forma parte da procura continua que realizan, de maneira incansable, os equipos de orientación dos centros La Salle. Son moitos, e moi diversos, os alumnos que cruzan as portas das obras educativas lasalianas esperando unha resposta de presente e futuro, e é fundamental facer un alto no camiño para formarse e seguir planificando e construíndo en rede.
A xornada do 26 trouxo consigo a formación por parte de Cristina Rodríguez Merino, docente e investigadora do Centro Universitario La Salle, que falou sobre o coidado emocional e a importancia da perspectiva persoal. “É fundamental que esteamos en constante diálogo cos alumnos, que lles devolvamos preguntas que os fagan reformularse e reconsiderar a súa maneira de ser e as súas situacións transitorias” -indicou durante a súa presentación. “O coidado emocional é un salvavidas que temos que presentar con carácter preventivo, é unha cuestión que nos debería involucrar a todos” -concluíu a relatora.
No segundo día de traballo, nunha liña máis operativa, traballáronse algunhas cuestións organizativas como a revisión e a xestión da atención á diversidade, a integración progresiva da orientación no marco do Novo Contexto de Aprendizaxe, a reflexión común sobre a Lei Orgánica de Modificación da LOE e a revisión das programacións e plans de acción titorial. Dúas xornadas intensas para seguir dando pasos e avanzando no acompañamento e crecemento dos mozos da nosa escola.