Encontro de Delegados de Pastoral e Xustiza en Valladolid
O encontro tivo lugar do 5 ao 6 de setembro na residencia de Arcas Reales, en Valladolid.
Na xornada participaron os 32 Delegados de Pastoral e Xustiza dos diferentes centros educativos da zona noroeste.
Arrinca o curso académico nos centros educativos e, ao mesmo tempo, a actividade pastoral; encontros de zona, reunións, saídas pola natureza, campañas de recollida de alimentos, voluntariados, veladas, pascuas e un longo etcétera de dinámicas e propostas póñense en marcha desde o inicio das clases como experiencia de fe compartida e lecer para toda a mocidade.
Un dos trazos que sempre caracterizou o traballo lasaliano é a dinámica cooperativa e colaborativa entre centros. Xuntos, mellor, di o lema do presente curso do Distrito Arlep; e así o fixeron valer os 32 representantes dos centros educativos -baixo a batuta do Irmán Rafael Palomera, Delegado de Pastoral-, compartindo espazos para a reflexión pastoral, inquietudes organizativas, presentación da campaña de Proyde e programación de actividades locais de La Salle Xove. Independentemente da realidade e contexto de cada centro, “é fundamental programar o Plan de Pastoral para cada centro” -indicou o Irmán Rafael Palomera; é evidente que “sen unha folla de rota a medio prazo, é moi complicado xerar unha progresión continua na experiencia da mocidade” -engadiu finalmente.
Os tempos de traballo e planificación ocuparon a maior parte da programación, pero tamén houbo tempo distendido para a convivencia e a diversión, que puxo o seu acento na actuación do grupo de teatro palentino Metamorfose. A través da risa e cunha temática clown, o grupo representou o seu espectáculo Interioriza como poidas, unha posta en escena animada e con sentido, que tivo a súa presentación no II Simposio de Educación na Interioridade celebrado en 2017 en Aravaca, Madrid.