Viaxe cultural de 1.º Bacharelato
Entre os días 12 e 16 de xuño o alumnado de primeiro de Bacharelato puido gozar dun tempo de convivencia na súa excursión por terras catalás.
Despois da chegada a Barcelona o día 12, durante a mañá realizaron unha visita panorámica pola cidade e tamén subiron a Montjuic para contemplaren as fermosas vistas desde a cima do parque. Pola tarde a visita foi ao acuario Maremagnum e seguiu un relaxado paseo pola zona das Ramblas. De aí ao hotel reservado en Calella.
O segundo día pasárono percorrendo o barrio gótico, visitando o parque Güell e da Sagrada Familia, en todo momento acompañados de guías que lles explicaron moitos detalles interesantes. Para rematar o caloroso día que pasaron, houbo tempo para o baño na piscina do hotel.
O terceiro día, martes, chegou a ansiada xornada en Port Aventura, alí pasaron toda a xornada e houbo incluso quen lle deu tempo a repetir percorrido nalgunha das montañas rusas que hai.
O mércores tiveron o último día da viaxe, pola mañá chegaron a Deltebre para pasala no parque de actividades multiaventura e pola tarde fixeron un precioso cruceiro polo delta do Ebro recibindo explicación das peculiaridades do delta mais da súa historia. Á chegada ao hotel, pola noite, a sorpresa agardaba en modo de festa preparada. Música e baile para despedírense da mellor maneira xuvenil.
O xoves houbo que madrugar moito para volveren a Santiago.
Sen dúbida a viaxe de primeiro de Bacharelato será inesquecible.
Xan Guillén Vázquez