Graduación da promoción de ESO 2018-2022
O equipo de titores pensou que sería posible a preparación dun acto de graduación que permitise darlles protagonismo ao alumnado. Así o indicaron nas clases e comezaron a recibir as propostas que en cada unha das catro aulas ían xurdindo.
Comezaron nese momento a preparación do acto en equipos multidisciplinares: vídeos, diálogos para a gala, intervencións persoais, monólogos, música, baile, discursos, preparación das invitacións personalizadas para cada membro da comunidade educativa.
Con toda a maquinaria en marcha a medida que se achegaba o día, os nervios ían medrando e as dúbidas aparecían. Se o farían ben, se estarían á altura ese día, como sairá a canción, estaría á altura do acontecemento os pasos e a coordinación do baile, falarían con soltura cando tocase… E resolveuse todo nos últimos ensaios. Xa podía comezar!
E chegou o día e a hora. Abriuse o pano e as familias e mais os convidados escoitaron a voz das presentadoras (que ben o fixeron) e gozaron da actuación que recibiu máis votos na edición deste curso do Coreosar.
Continuou o acto escoitando as palabras do director, Ir. Jesús Martín, quen lles explicou, aproveitando o lema deste curso, que para construír unha casa (léase formar a persoa con valores sólidos) cómpre seguir un proceso que acada o éxito coa axuda de moitos que estamos para iso, desde a familia e desde o Colexio; tamén lles desexou o mellor de cara ao futuro. Contra o final do acto tamén pronunciou unhas palabras de benvida o xefe de estudos de bacharelato, expresou asemade os mellores desexos para os que decidiron emprender outro camiño, xa fóra do Colexio.
A seguir chegou a actuación musical. Canta arte apareceu aí: cantantes e músicos luciron o seu talento musical, as súas voces… Baixo a batuta do profesor que ensaiou con eles interpretaron de maneira memorable “We are young”.
Na quenda de discursos, o alumnado delegado, lembraron o percorrido pola etapa de secundaria, desde que chegaron de cadansúa procedencia e curso. Fixérono dun xeito ben ameno. Tamén houbo un monólogo en clave humorística que aproveitou as anécdotas de tantos anos para sacarlle fío.
A continuación, chegou unha parte ben emotiva, na que o profesorado titor e mais o xefe de estudos entregaron os diplomas de finalista e mais un pequeno agasallo a toda a promoción. Os grupos que ían subindo posaron antes as moitas cámaras que dispararon os seus flashes, para gardaren o recordo fotográfico do momento.
Seguiu a estrea da creativa curtametraxe, estilo plataforma cinematográfica, na que participaron como actores tanto alumnado como profesorado da etapa.
Coa interpretación da canción que nos identifica como lasalianos, “Tu me enseñaste a volar” e o co aperitivo no exterior do colexio, no que compartimos experiencias e comida cos familiares que estiveron, rematou o acto.
Enviámoslles o agradecemento ás moitas persoas que axudaron para que saíse tan ben e enviamos novamente os nosos parabéns á promoción 2022. Desexámoslles que todo o percorrido académico que teñen por diante lles veña cheo de éxitos, e que no persoal sigan crecendo para formaren parte dunha sociedade mellor.