“Que a paz que anuncian coas súas palabras estea primeiro nos seus corazóns”
Francisco de Asís
Rematamos unha semana na cal tivemos a oportunidade de reflexionar sobre a paz cos nosos pequeniños e obtivemos respostas como: ”A paz é calma”, “A paz é estar tranquilos”, “Cando te abrazan hai paz”, “Paz é que estean tranquilos os meus amigos”, …
Que acertados, verdade? Non me digades que, estes pequenos, non son GRANDES!
Neste momento no que se fomenta a distancia social, o medo se ve reflectido nos nosos rostros e a incerteza é a única resposta ante unha pandemia que nos está cambiando… Neste momento, hai grande ausencia de paz.
Cantas veces nos permitimos un tempo, nas nosas vidas, para reflexionar sobre iso? Ou directamente, non temos tempo?
De cando en vez, estaría ben preguntarse se temos paz nos nosos corazóns, canto valor lle damos ou que é o que nola quita. Así, tamén saberiamos se, realmente, a paz é o noso camiño ou en que condicións estamos para transmitírllela aos nosos fillos e aos nosos alumnos.
Poderiamos empezar por miralos aos ollos e escoitalos, por ilusionarnos co que nos contan, dedicándolles tempo e facéndolles sentir que estamos con eles.
Oxalá consigamos que a nosa rapazada conserve a paz nos seus corazóns para que, nun futuro, as súas palabras sexan sempre de paz.
ÁNGELES GOÁS
Mestra de Educación Infantil