Como nos gustan os proxectos NCA!
Este curso escolar está sendo moi especial xa que, o profesorado e o alumnado do colexio La Salle, estamos a traballar nun Novo Contexto de Aprendizaxe (NCA) onde as nenas e nenos son os protagonistas da súa aprendizaxe.
Un dos ámbitos máis destacados de NCA son os proxectos. En primaria, cada nivel levará a cabo entre 8 e 9 proxectos por curso nos que se traballan de maneira integrada, e a través dun centro de interese, distintas áreas do currículo. Neste caso, queremos presentar o produto final do segundo proxecto que fixo o alumnado de quinto de primaria, chamado Polaris.
As nenas e nenos puideron gozar dun conxunto de atractivas actividades relacionadas co mar e coas embarcacións ao longo da historia. Ditas actividades estaban enfocadas na estreita relación que sempre existiu, e que continúa existindo, entre as persoas e o mar. O alumnado aprendeu a facer nós mariñeiros, enormes barcos de papel, investigaron sobre rutas marítimas e constelacións. Ademais, tiveron a oportunidade de traballar e indagar sobre a primeira volta ao mundo protagonizada por Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano, presentando esta nova a través dun telexornal e preparando un xogo na rede con Kahoot, entre outras actividades.
O que nos queda claro é o significativa que se volve a aprendizaxe e o que aumenta a motivación dos nenos e nenas cando teñen un papel activo na aula e aprenden facendo, investigando e experimentando.
Imos a polo seguinte proxecto!