AKIBA! Grazas!
Hai xa máis dun mes que Guinea Ecuatorial vive unha situación que ninguén podía nin sequera imaxinar: a explosión do 7 de marzo. Moitas persoas morreron, moitos están feridos e perderon as súas casas… Anciáns, mocidade, nenos…Perdérono todo, pero salvaron a vida. E é esa vida ferida, esa vida con perdas, esa vida sufrinte e ao mesmo tempo en busca de esperanza, a que como relixiosos e misioneiros queremos acompañar. É a que acompañamos na nosa vida diaria e agora pídenos unha resposta especial.
A traxedia é enorme por iso a misión tamén o é, pero desde o principio sentimos que somos moitos. Desde aquí, en Guinea, e desde España, sodes moitos os que estades facendo posible este proxecto de axuda na reconstrución de casas.
Nun primeiro momento comezamos con quince casas e aínda temos outras dez en proceso de inicio. Vinte e cinco casas que se unirán a novos proxectos en espera. Estamos falando de poder atender a 250 persoas de momento, en cada casa hai unha media de 8 a 10 persoas.
Unhas casas necesitan ser completamente reconstruídas, outras son reformadas nos seus tellados, paredes… Das primeiras quince casas, algunhas están practicamente terminadas.
O importante é que as persoas poidan recobrar a normalidade nas súas vidas o máis axiña posible. E para iso estamos todos ao choio. Hai un grupo de oito relixiosos/as “a pé de obra” seguindo cada proxecto. Isto non sería posible sen vós, os doantes, os de Guinea e os do exterior (España).
A época de choivas está comezando e isto fai aínda máis difícil a vida dos damnificados e polo tanto, máis urxente a reconstrución das casas. Hoxe queremos facervos chegar o agradecemento sincero destas familias que sufriron un duro golpe e que ao mesmo tempo se senten sostidas e acompañadas na súa dor. Nestes días é a palabra que máis escoitamos: “Akiba” E este grazas vai dirixido a Deus, aos que estamos aquí sobre o terreo, e aos que desde distintos lugares do mundo estádesnos axudando economicamente.
Proyde