Viaxe a Roma
A pasada semana de xuño, dende o día 11 ata o día 16, os alumnos de primeiro de bacharelato tivemos a oportunidade de gozar da ansiada excursión a Italia.
Esta saída foi para todos unha recompensa despois dun ano de duro traballo, polo menos na maioría dos casos. Despois de moitos anos de espera e de ver como os “maiores” marchaban emocionados na viaxe, por fin tocounos experimentar esa sensación, e vaia se pagou a pena toda esta espera.
Durante estes días visitamos unha morea de cidades: Venecia, Bolonia, Florencia, Pisa, Siena e Roma. De todas elas marchamos cun cento de recordos, tanto cos nosos amigos e compañeiros como cos nosos profesores: Xan, María, Hugo e Pablo, a quen agradecemos que nos acompañaran.
Aprendemos centos de cousas cos nosos profesores e coas visitas que tivemos a monumentos. Observamos milleiros de obras de arte, atopándoas en calquera recuncho das cidades. Coñecémonos máis entre nos, facendo amizades que quizás nunha aula nunca sucederían.
Creo que a maioría de nós non cambiaría nada do que tivemos a oportunidade de vivir porque, aínda que pasásemos por un diluvio en Pisa, rematando conxelados, ou que case non entrásemos ao Vaticano, os momentos que levamos connosco nunca poderán ser igualados. En palabras de compañeiros meus “Se estiven aquí 6 días, levo historias para estar falando 20”.
Tras tanto tempo xuntos, tantos quilómetros percorridos (acompañados polos nosos condutores de bus, a quen terminamos collendo cariño), tantas risas e tantas charlas, chegou o momento de regresar a casa. Volvíamos cansos, con ganas de chegar e ver ás nosas familias, contentos por todo o acontecido en tan só unha semana, pero con gañas de que durase un anaquiño mais.
É que todo o bo acaba, pero todas as lembranzas que levamos quedarán sempre connosco.
Laura Suárez Ares