Sétimo encontro do CELAS para educadores en Madrid
Do 17 ao 19 de febreiro, tivo lugar o sétimo encontro da 28ª promoción do CELAS para educadores en Marqués de Mondéjar (Madrid), sede institucional de La Salle en España e Portugal. Do noso colexio participou a profesora Luísa Pájaro, de Infantil.
Novo encontro formativo na institución La Salle, nesta ocasión tocoulle a quenda á 28.ª promoción de educadores de España e Portugal que toma parte do Curso de Espiritualidade Lasaliana (CELAS). A Igrexa, a fe, a relixión e a escola foron algúns dos temas que orientaron o tempo de diálogo e de traballo das 23 persoas que participaron na formación. Baixo a batuta do Ir. Eladio Ruiz (comunidade Betania, Madrid), os asistentes déronse cita na cea do xoves para gozar dun tempo distendido de reencontro e comida compartida ao redor da mesa. Un momento esperado despois de tantos encontros en liña que deu paso, a continuación, á presentación do encontro de final de curso que se celebrará en Santiago de Compostela. Ao longo da xornada do día 18, guiados polo Ir. Jorge Sierra (delegado de Pastoral do Distrito Arlep), presentouse aos participantes o marco evanxelizador do Distrito Arlep traballando o contexto sociolóxico dos mozos de hoxe, a realidade da fe e da Igrexa no tempo presente e o itinerario experiencial que un alumno lasaliano percorre desde o compromiso persoal ata a pertenza comunitaria. A temática do sábado 19 xirou ao redor da construción da cultura vocacional nos alumnos e nos centros baixo unha premisa clara: o educador lasaliano é chamado a dar vida alí onde se atope e actúe.
De novo, Marqués de Mondéjar como centro de acollida e, no fondo, a ilusión de seguir presentando de maneira renovada e actual, a proposta de Xesús de Nazaré no mundo. Coa vista posta no horizonte, de maneira máis concreta no encontro de Santiago de Compostela, os asistentes regresaron aos seus lugares de orixe coas pilas cargadas para seguir construíndo a escola lasaliana do presente e do futuro.