
Como gozamos nas saídas culturais!
Se hai un momento que as nenas e nenos de primaria esperan con ansia é a chegada das saídas culturais. Un día distinto no que profesorado e alumnado comparten tempo dunha forma moi diferente ao día a día nas aulas.
Cada nivel vive unha experiencia única e irrepetible. Os máis pequenos desfrutaron na Granxa do Queixo onde, ademais de poder elaborar este produto, desfrutaron con xogos tradicionais e fermosos roteiros. En segundo tamén coñeceron animais, plantas e fixeron unhas boliñas de pan moi saborosas. En cuarto tocou visitar A Coruña, o museo Muncyt e o Aquarium Finisterrare. Cantas cousas sorprendentes aprenderon! Os cursos de terceiro e quinto foron algo máis aventureiros, visitando Fervenzaventura e o Galipark respectivamente. Risadas constantes e moita adrenalina a flor de pel! Por último, o alumnado de sexto de primaria puido gozar da tan desexada excursión a Asturias, na que puideron pasar cinco días inesquecibles cos seus compañeiros e compañeiras mais co profesorado.
En cada un dos destinos, as nenas e nenos puideron aprender, xogar, desfrutar, convivir e levar para as súas casa unha chea de recordos que xamais esquecerán!















