
Semana da Lectura na etapa de Primaria
A semana pasada, tivo lugar un gran evento no noso colexio, nada máis e nada menos que a Semana da Lectura!
Se algo temos claro no colexio é que a lectura, e todo que implica, é fundamental no noso día a día. É por isto, que unha vez ao ano, celebramos o noso amor polos libros por todo o alto.
O luns, as nenas e nenos de primaria atoparon os corredores cunha decoración moi misteriosa, xa que chegaba o momento de gozar da Semana da Lectura, que este ano tratou sobre “Lupas e letras historias secretas”.
Durante cinco intensos días, leváronse a cabo unha morea de actividades e dinámicas do máis interesantes e variadas. Todas as mañás comezabamos co “Adiviñapersonaxe”, unha dinámica onde escoitábamos por megafonía unha adiviña literaria por día que alumnado debía resolver e apuntar no seu carné de detective. Ao final da semana sorteouse un libro entre todos os rapaces e rapazas da clase como premio á súa participación. O alumnado de 5° e 6° estivo lendo fermosas historias cos nenos e nenas de 1° e 2° de primaria. Sempre resulta moi motivador, tanto para os maiores coma para os máis pequenos da etapa, compartir este tempo de lectura xuntos. Tamén atopamos nun corredor un libro xigante chamado: “O libro dos misterios perdidos”. As nenas e nenos de toda a etapa tiveron que levar a cabo diferentes actividades que foron distintas e variadas segundo o curso: elaboración de debuxos misteriosos, redacción de mensaxes secretas e invención de detectives literarios. Todo isto tiveron que pegalo nas páxinas do libro xigante, que quedou moi, moi misterioso grazas á colaboración de todo o noso alumnado de primaria.
Nas clases de educación física, a lectura tamén cobrou protagonismo. As nenas e nenos tiveron que descubrir misteriosas mensaxes a través do deporte. En plástica non podía ser menos, e o alumnado estivo utilizando a súa creatividade e imaxinación para facer lupas, gorros e cadernos de detective, siluetas e carteis de películas de detectives. As profesoras e profesores estamos abraiados cos resultados!
Somos un colexio plurilingüe, e gústanos traballar a lectura en todos os idiomas. Nas sesións de lingua inglesa, o alumnado tivo a sorte de poder ler historias de intriga e misterio en inglés, coa axuda da nosa marabillosa auxiliar de conversación, Cherry. Ademais, para traballar a lóxica e a compresión lectora dunha forma amena e divertida, as nenas e nenos estiveron traballando en grupos cooperativos, tratando de resolver fantásticos desafíos de detectives.
No medio de todas estas actividades, o alumnado de primaria puido gozar da marabillosa actuación do contacontos, Caxoto. As nenas e nenos escoitaron e desfrutaron dos seus contos. Ademais, puideron formar parte deles cantando e interactuando co artista. Rimos e aprendemos moito! Agradecemos enormemente á Anpa, que fixo posible que puideramos desfrutar desta actuación. Ademais, tamén colaboraron con nós para que cada clase de primaria poida ter un libro de misterio de agasallo!
Para rematar, o venres, o alumando e o profesorado de educación primaria fixo un baile moi especial, o da Pantera Rosa, no patio exterior do colexio. Máis de 400 nenos e nenas que estiveron ensaiando durante toda a semana, especialmente nas clases de música, unha fermosa danza para celebrar o noso amor polos libros en familia.
Grazas a todas as persoas implicadas na coordinación e organización destes fantásticos días que, estamos seguras, as nenas e nenos non esquecerán. Que vivan os libros, que viva a lectura e que viva a marabillosa comunidade educativa que formamos.
Xa estamos agardando con ansia a chegada da próxima edición!











