Torneo de Debate Académico de Galicia
Un equipo de alumnas de 3.º de ESO formado por Lucía López, Cristina Iglesias, Julia Gil e María Rodríguez e un equipo de Bacharelato formado por Mateo Cao, Lía Fernández, Julia Martínez Lanza e Enma Sánchez, axudados polo seu compañeiro Andrés e por alumnos de 2.º de Bacharelato que participaron na anterior edición do torneo, competiron, con excelentes resultados, na IV edición do Torneo de Debate Académico de Galicia (TDAG), organizado pola Fundación Barrié.
Este programa de competición, que está orientado a alumnos de ESO e Bacharelato dos centros educativos de Galicia, ten como obxectivo ofrecer aos máis novos unha ferramenta fundamental para o seu desenvolvemento académico e persoal: a oratoria.
O torneo celébrase na sede da Coruña da Fundación Barrié, á que se desprazan os alumnos para realizaren os debates. Nesta ocasión os alumnos da ESO debateron o seguinte tema: “Deberiamos prohibir o uso das redes sociais en menores de idade?”; mentres que aos de Bacharelato tocoulles debater sobre o éxito, para derimir se se explica mellor pola sorte ou polo esforzo. Estes alumnos resultaron clasificados para a fase final, que se celebrará tamén na Coruña o día 12.