Acto de graduación – 4.º ESO
O venres 11 de maio, con todas as medidas de seguridade e distancia social, sen retirarmos en ningún momento as máscaras faciais, en horario lectivo, celebramos a desexada graduación da promoción que remata a etapa da ESO.
Desde o recreo, cada titor acudiu á súa clase e momentos máis tarde produciuse a baixada ao salón. Os 120 alumnos e alumnas foron sentando tal e como ían saír nos grupos para a foto que lembrará o momento.
A presentación, condución e mantemento do acto correu por conta do profesor de Lingua, Luís Rilo. Organizounos unha viaxe na que nos foi transportando por e detendo en múltiples estacións. O fío do acto foi a creación literaria lida e elaborada polo propio alumnado.
Houbo tempo para o saúdo do director do centro, Ir. Jesús Martín, para unhas palabras do xefe de estudos da etapa e chegou un momento esperado por todos: o discurso dos delegados de alumnos. Andrés Collantes, Carmen López, Raquel Matalobos, Lía Fernández e Pedro Rodríguez fixeron un emotivo percorrido polos catro anos que botaron na etapa. Tamén recibiron a benvida ao bacharelato de parte do xefe de estudos da etapa, Suso Casal.
Seguimos o acto coa emisión dun vídeo, cheo de imaxes e recordos, elaborado polos propios alumnos. A seguir, Raúl Mateo contounos unha morea de anécdotas e curiosidades que o fixeron transformarse e ser consciente da necesidade do esforzo para garantir un futuro proveitoso.
A entrega de diplomas e agasallos por parte dos titores de 4.º ESO e as fotos de grupo, coa distancia garantida e media cara tapada foi un momento intenso vivido polo alumnado e os seus titores. Todos e todas recibiron un agasallo como lembranza do día.
Unha actuación de salto de cordas acrobático, ensaiado coa axuda do profesor Hugo Suárez, pechou o acto e a mañá.
Agradecemos a axuda de todo as persoas que fixeron posible que todo estivese pensado e que saíse segundo o planificado. Fernando Villa colaborou gobernando a mesa de son e Ana Roel encargouse de facer as fotos dos grupos que ían recibindo os diplomas.
Un agradecemento especial ten que ir para a ANPA colexial, que se fai cargo do custo económico da gravación para poder compartila posteriormente no curso de familias do nivel.