Proxecto deportivo
O xogador como meta
A principal meta do Club é a formación de xogadores que sexan capaces de mellorar día a día como deportistas e como persoas. O traballo diario, o compromiso a nivel individual e de grupo, a disciplina, o esforzo, o orgullo de pertencer e representar un colectivo, e o respecto a todos os integrantes do Club son as claves para conseguilo.
Unha gran familia
Adestradores, directivos, xogadores e familiares formamos o Club. Identificámonos como un club deportivo de formación dirixido a rapaces e rapazas, a maioría en idade escolar. No noso club conviven, e así se plasma na confección dos nosos equipos, aspectos sociais e de competición, dando prioridade á educación integral e deportiva dos nosos xogadores sobre o resultado da propia competición.
LOs membros do Club formamos unha gran familia, non somos unicamente parte dun equipo. Todos debemos colaborar en conseguir éxitos para o Club e ser partícipes dos mesmos.
Voluntariedade, compromiso e compatibilidade
A inscrición no Club é voluntaria e implica o coñecemento e aceptación destes principios.
Ao fichar polo Club, o xogador e os seus familiares adquiren unha serie de compromisos que abarcan toda a tempada (adestramentos, partidos, campionatos, cotas, etc.). Antes de fichar, é necesario avaliar se será posible cumprir ditos compromisos e se son compatibles con outras actividades.
O deporte ocupa un lugar fundamental na formación das persoas, sobre todo na idade escolar. Esta actividade debe ser un complemento aos estudos, e en ningún caso supoñerá un obstáculo para os mesmos.
Deportividade, convivencia e regulamento de réxime interno
As relacións co resto da comunidade do baloncesto, como son os árbitros e os equipos rivais, serán correctas e cordiais. O espírito deportivo de xogo limpo ou fair play debe presidir a actuación dos nosos equipos e xogadores, dentro e fóra das pistas.