
Visita ao Parlamento de Galicia: unha lección de democracia en directo
O pasado venres 2 de maio, o alumnado de 1º de Bacharelato tivo a oportunidade de realizar unha visita didáctica ao Parlamento de Galicia, dentro dunha actividade organizada pola materia de Filosofía e coordinada coas materias de Economía e Historia.
Durante a visita, os estudantes coñeceron de primeira man o edificio do Parlamento, situado no Pazo do Hórreo, un espazo cargado de simbolismo e historia. Alí puideron entender o funcionamento desta institución, onde reside o poder lexislativo da nosa Comunidade Autónoma.
A actividade permitiu tamén que os rapaces accedesen ás salas máis emblemáticas do edificio, como o Salón dos Reis e o hemiciclo, onde tiveron ocasión de observar obras de arte contemporánea galega —pinturas, esculturas e vidreiras— que forman parte do patrimonio cultural da institución.
O obxectivo principal desta visita foi achegar ao alumnado ao coñecemento da organización política de Galicia, así como reforzar os valores democráticos que garanten unha convivencia xusta e harmoniosa. Sen dúbida, foi unha experiencia enriquecedora que deixou pegada no seu compromiso como cidadáns activos e conscientes.

