
Todas xuntas, polas mulleres!
O pasado 8 de marzo, o alumnado mais o profesorado de La Salle Santiago levamos a cabo distintas dinámicas e actividades co obxectivo de dar visibilidade e concienciarnos sobre a importancia do papel da muller na nosa sociedade.
En primaria, comezamos a mañá falando e dando a coñecer a mulleres que, ao longo da historia, foron protagonistas de importantes descubrimentos, inventos ou sucesos. Tamén reflexionamos sobre tódalas mulleres importantes que nos acompañan e axudan día a día. As nenas e nenos, escribiron nunhas estrelas moradas o nome dunha muller importante da súa vida. Estas estrelas expuxéronse nas ventás das aulas e nos corredores do colexio. Resultou moi conmovedor escoitar as historias que o alumnado contaba para xustificar as súas eleccións. Para rematar, os nenos e nenas de primaria e infantil mais o profesorado, saímos ao patio do colexio acompañados de globos morados para cantar unhas fermosas cancións e escoitar ao alumnado de sexto ler unhas bonitas palabras como honra a tódalas mulleres do mundo.
Sentímonos moi afortunadas de poder compartir estes momentos xuntas, como colexio e como familia!



