
Semana da lectura en primaria
Esta semana celebramos por todo o alto o rico universo que nos ofrece a lectura!
O luns pola mañá, as nenas e nenos de primaria quedaron abraiados cando chegaron ao colexio e o atoparon convertido nun espazo de castelos, dragóns, cabaleiros, cabalos e árbores máxicas. A semana da lectura, como ben se adiantara uns días antes cun fermoso vídeo en redes sociais, comezaba baixo o lema: “Dragóns e libros, un mundo de amigos”.
Numerosas actividades tiveron lugar durante estes días. Cada mañá comezabamos cun concurso no que o alumnado tiña que adiviñar unha coñecida personaxe que se anunciaba por megafonía para todas as aulas. Ao finalizar a semana, houbo un sorteo dun libro en cada aula entre todos os participantes.
Tivemos a sorte de recibir a visita de María da Pontragha no salón de actos do noso colexio. Como gozamos cos contos e historias que nos fixo chegar! Agradecemos á Anpa a súa colaboración para que isto fora posible. Ademais, tamén nos agasallaron cun libro, coa temática desta semana, para a biblioteca de aula de cada clase!
Foran moitas as actividades que se foron levando a cabo ao longo destes días. Elaboramos distintas manualidades nas clases de Arts&Crafts. Tivemos a sorte de que a nosa auxiliar de conversa, Cherry, nos lera contos en lingua inglesa. Nas clases de educación física tamén se fixeron xogos e dinámicas relacionadas coa temática da semana. Ademais, as nenas e nenos máis maiores compartiron tempo de lectura cos máis pequenos da etapa; todo un luxo!
En resumo: limos, escribimos, escoitamos e contamos moitas historias. Todo dentro dun ambiente de maxia, onde profesorado e alumnado dos distintos niveis compartiron tempo e momentos que non esquecerán xamais.
Para pechar esta marabillosa semana, nenos e nenas mais profesores e profesoras, xuntáronse no patio exterior do colexio para bailar a danza que estivemos a preparar nas aulas de música.
Que a lectura e a súa maxia nos acompañen sempre!












