
LADRILLO A LADRILLO
Fai unhas semanas, tivemos unha visita moi especial: Ernesto, o arquitecto, que veu ao colexio para pedirnos axuda.
Díxonos que esquecera como se construían as casas! Ernesto tiña tres planos, pero estaban en branco! Propuxo un reto: ao final do proxecto, Ernesto volvería ao colexio para levar os planos da casa, completos, cheos de detalles e con todas as estancias. Desde entón, estamos a descubrir pouco a pouco as diferentes partes dunha casa, investigando e explorando a través da aprendizaxe sensorial.
Esta semana falamos da cociña, e que mellor xeito de facelo que… preparando un saboroso wrap! Manipulamos os ingredientes, cheirámolos e desfrutamos dun petisco fantástico. Foi unha experiencia divertida para todos e todas, na que aprendemos a importancia da cooperación, o coidado do entorno, a nutrición e o propósito da cociña e todo o que podemos facer nela.
O proxecto continúa con novas experiencias e, pouco a pouco, iremos construíndo entre todos os nosos propios planos e devolverémosllos a Ernesto… para que nunca se volva esquecer de como se constrúen as casas!





