A pastoral en La Salle
O fin principal das Obras Educativas La Salle e, xa que logo, do colexio La Salle Santiago é a evanxelización. Educamos evanxelizando e evanxelizamos educando. Os destinatarios son todas e cada unha das persoas que compoñen a comunidade educativa. Todas son á vez protagonistas e destinatarias da nosa acción evanxelizadora.
A Pastoral como proxecto
Entendemos a pastoral como un proxecto que dá sentido e coherencia ao noso marco educativo, e cuxo fin é acompañar no proceso de ser e facerse persoa: a procura do sentido da vida.
A pastoral lasaliana propón os valores de fe, fraternidade e servizo a través da proximidade, a personalización, o acompañamento e o compromiso cos necesitados, partindo do humanismo cristián e dos valores do Evanxeo, en comuñón coa Igrexa local e universal.
O diálogo fe-cultura
No colexio La Salle apostamos polo diálogo fe-cultura e, dentro del, por un Ensino Relixioso Escolar de calidade que fomenta o coñecemento explícito de Xesús de Nazaré e o seu evanxeo, axuda á análise crítica da sociedade e os seus valores, achega cultura relixiosa, social e histórica aos nosos alumnos na súa maduración como persoas e na fe como cristiáns para que poidan facer opcións persoais na construción dun mundo máis fraterno, solidario, xusto e pacífico dentro dunha sociedade cada vez máis plural.
A Pastoral como experiencia-vivencia
Celebrar a fe: Propoñemos momentos intensos de celebración da fe, unha fe compartida que comunique a experiencia de xeito significativo e unha fe encarnada en cada itinerario vital. Por iso a educación da interioridade, as celebracións de signos e símbolos, a iniciación aos sacramentos e o compartir a fe desde elementos claves relacionados coa linguaxe, a estética, a emoción, a relación… teñen sentido e prioridade no colexio La Salle.
Construír a fraternidade: O estilo fraterno nas relacións maniféstase no ambiente acolledor que viven os integrantes da comunidade educativa. A comunidade representa o contido e o método do noso proxecto educativo.
En primeiro lugar, como comunidade educativa que afronta o reto de dar educación humana e cristiá e de responder ás necesidades sociais da contorna. En segundo lugar, como comunidade cristiá que vive, comparte e celebra a súa fe na misión educativa.
Vivir o servizo: As accións solidarias que se realizan no colexio La Salle responden a un plan de educación para a xustiza e a solidariedade. Ese plan posibilita coñecer a realidade social, interpretala e invitar a actuar na mesma.
As campañas solidarias, as iniciativas de voluntariado, os campos de traballo... nacen e crecen como respostas acompañadas no proceso de crecemento e maduración dos nenos, mozos e adultos e facilitan retos de compromiso persoal.
Personalización e acompañamento: Esforzámonos en acompañar itinerarios vitais ofertando propostas de procesos de catecumenado, de compromiso social, obradoiros de solidariedade e voluntariado, participación activa en ONGD, educación para o lecer e o tempo libre...
Cremos que todo itinerario pastoral é vocacional e ha de acompañarse para axudar a descubrir as respostas aos interrogantes que como persoas e como cristiáns nos facemos ao longo da nosa vida.