
ILUSIÓN E COMPROMISO POR EMPEZAR DE NOVO
Setembro é o mes dos novos comezos, de volver pouco a pouco á rutina e deixar atrás o ritmo frenético do verán.
O luns, 29 de setembro, celebramos a primeira reunión de familias da etapa de educación infantil para o curso 2025-2026. Demos a benvida ao novo director do colexio, o profesor Manuel Gutiérrez Pichel, quen se presentou a toda a comunidade educativa e expresou a súa ilusión e compromiso nesta nova etapa.
Nesta primeira parte da reunión, acompañounos a subdirectora de enfermería, quen informou ás familias sobre a nova campaña de vacinación contra a gripe nos centros educativos. E, ademais, tamén tivemos o pracer de contar con Puri, que nos falou de Proyde e nos presentou o lema para este curso: “volver á escola, volver a rir”.
Na segunda parte, as familias puideron gozar dun encontro máis íntimo coas titoras nas aulas, recordando algúns aspectos organizativos, resolvendo dúbidas ou participando na dinámica proposta polo centro. Cada familia tivo a oportunidade de escribir un compromiso para o novo curso escolar, un xesto moi significativo que reflicte a importancia da colaboración entre familia e escola.
Cada novo comezo é unha nova oportunidade para medrar xuntos, para aprender dos erros e para valorar o esforzo como un gran logro. Un novo comezo cheo de entusiasmo e compromiso onde familia e escola son equipo, creando un espazo de confianza, alegría e aprendizaxe para que todos os nenos e nenas poidan medrar felices. Agradecemos a todas as familias a súa participación e…
FELIZ COMEZO DE CURSO ESCOLAR A TODOS!



