
ESPAZOS SIMULTÁNEOS
Esta metodoloxía supón un marco moi interesante de interacción e resulta moi beneficiosa para os alumnos e alumnas en educación infantil,porque posibilita o desenvolvemento da autonomía.
O traballo por espazos simultáneos é unha proposta metodolóxica que fai posible a participación activa dos nenos e as nenas na aula, os cales son os principais protagonistas da súa aprendizaxe.
A temática preséntase dunha forma lúdica e motivadora que a levan a cabo os propios alumnos e alumnas. O noso papel como docentes é planificar e explicar as actividades e actuar como supervisores de como se van desenvolvendo as mesmas, que se realicen correctamente e incentivar e motivar.
Para que o alumnado aprenda a organizarse e para saber cando termina a actividade, márcaselles un tempo. Aínda que as actividades están programadas para que se poidan levar a cabo no tempo establecido, este non ten que ser extremadamente ríxido e debe permitirnos respectar o ritmo de cada un dos nosos/as alumno/as. O tempo está pensado para que todos os participantes poidan rotar por cada un dos espazos.
Nas nosas clases de infantil temos distribuídos estes cinco espazos:
– Explora: Neste espazo traballamos a motricidade fina, encargada de que os nosos movementos sexan precisos, é dicir, que teñamos moita coordinación, control de forza e algo moi importante: manexo espacial por medio de diferentes xogos e materiais.
– Numerópolis: Neste espazo manipúlase, realízanse actividades e apréndese matemáticas de forma atractiva divertida e estimulante.
– Érase unha vez: É o espazo podemos atopar a biblioteca da clase, onde hai contos, marionetas, vocabulario dos proxectos, lousas, xices, rotuladores, pinturas… para iniciarse na maxia das letras e a comunicación escrita.
– Construción: Este espazo desenvolve a capacidade de comunicarse de diferentes formas verbais e non verbais. Vivir a fantasía e a realidade. Representar roles semellantes aos do adulto, expresar sentimentos e ideas.
– Proxecto: Neste espazo continuaremos traballando dunha maneira autónoma co material que achegan as familias e que temos na aula o proxecto que estamos a traballar nese momento.
Os alumno/as de 4 e 5 anos como xa teñen adquirido o funcionamento dos espazos e son máis autónomos para realizar todas as actividades así como para organizarse nos mesmos, ao finalizar a actividade realizan unha avaliación do traballo dos espazos, avalían se lles gustaron, se respectaron aos seus compañeiro/as, se coidaron do material, se terminaron as actividades propostas… Esta avaliación permítelle ao docente saber se está a programar actividades motivadoras para os seus alumnos/as, se as actividades adecúanse ao tempo establecido, como actúan os nenos/as,… E tamén permite aos alumnos/as ser críticos, opinar sobre o que lles gusta, ser sinceros/as e conscientes de como é a súa conduta #ante os demais e o material.
E o máis importante e gratificante como docente é que os nosos/as alumnos/as gocen aprendendo.
EQUIPO DE EDUCACIÓN INFANTIL








