Encontro de profesores novos de segundo e terceiro ano en Valladolid
O grupo de docentes de segundo e terceiro ano, procedentes dos diferentes centros La Salle da zona noroeste, compartiu un novo encontro de formación en relación coa educación na xustiza e a opción preferente polos pobres. Do noso centro asistiron Carlota Branco, Diego Mallou e Lucía Vázquez.
A educación na xustiza é un ámbito que forma parte do ADN do educador lasaliano. Por este motivo, o pasado sábado 27 de novembro, celebrouse un novo encontro formativo en referencia á opción preferente que a escola La Salle mostra cara aos pobres. Os asistentes, trece docentes do Sector, compartiron unha xornada de reflexión sobre a vivencia da xustiza e a solidariedade nos diferentes centros educativos que compoñen a rexión noroeste.
O día comezou cunha sesión de acollida orientada e guiada a cargo do Ir. José Antonio Ramos (Delegado de Identidade Lasaliana). Dita dinámica, puxo o centro de atención na mirada do educador cara ao mundo que o rodea: o que percibimos, o que mostramos, o que compartimos cos que fan camiño xunto a nós… en definitiva, “a forma de mirar a cada persoa revelando o que un é e o vive” -apuntou o Ir. José Antonio. Aprender a observar e contemplar é toda unha arte por aprender e perfeccionar ao longo da vida; por iso, o grupo de asistentes quixo “poñer a punto a súa mirada”, e decidiron pasear contemplativamente pola residencia para observar con detemento os detalles que se escapan nas présas e urxencias rutineiras. Sen dúbida, un tempo privilexiado para facerse consciente dos verdadeiros protagonistas da escola e das súas necesidades presentes.
Logo dun tempo distendido da comida e convivencia, o H. José Antonio expuxo aos educadores a opción preferente polos pobres na escola lasaliana do s. XVII; unha mirada ás orixes que situou os educadores na actitude máis xenuína e sensible do Fundador, san Xoán Bautista de La Salle. Finalmente, e a modo de peche, o H. Rafael Palomera (Delegado de Pastoral) tomou a dirección do encontro para presentar aos asistentes a realidade de Proyde e recordarlles, tal e como describe a cita atribuída a Galeano, que “moita xente pequena, facendo cousas pequenas, en moitos lugares pequenos, pode cambiar o mundo”.