
Día das Letras Galegas 2025
Unha das datas máis especiais do curso na etapa de educación primaria é cando celebramos o Día das Letras Galegas.
Este ano rendemos homenaxe ás cantareiras e, durante unha semana, estivemos a traballar máis a fondo cos nenos e nenas sobre estas marabillosas mulleres que mantiveron viva a nosa tradición oral a través do canto. Ademais de escoitar cantos, ver vídeos e analizar letras, cada clase dedicou moito tempo a ensaiar a súa danza galega para o festival.
O gran día chegou coa tradicional festa da danza e da lingua galega que celebramos todos os cursos. Un momento no que gozamos vendo as actuacións dos compañeiros e compañeiras da etapa, así coma do profesorado. Ademais, é un momento no que podemos lucir todo o traballado e ensaiado durante as semanas anteriores. Ver a tantos nenos e nenas vestidos co traxe tradicional é todo un luxo.
Por último, unha vez rematado o festival e acompañados dun fermoso día, todo o alumnado e profesorado da etapa foi ao Panteón dos Galegos Ilustres a participar na tradicional ofrenda.
Queremos comprometernos a coidar destes momentos, e a seguir camiñando da man da nosa cultura, potenciándoa e desfrutándoa como se merece.
Xa estamos pensando nos bailes do próximo curso!



