Creación literaria nas etapas de Secundaria e Bacharelato
Ao longo do curso son moitos os certames aos animamos o noso alumnado a presentaren os seus traballos creativos no eido literario.
Foron moitas ducias de textos os que saíron da pluma dos incipientes literatos e literatas e que se presentaron a competición en diferentes certames. Traemos aquí a mostra dos que tiveron algún recoñecemento e foron galardoados con algún premio.
Na IX Edición do Certame de Relato de Auga Intelixente, que convoca Viaqua, destacamos os relatos de María Alvarellos, Joaquín e Raquel Soto.
O alumno finalista Andrés Collantes Barros, que presentou os seus textos á LI Edición do Certame Minerva, foi galardoado e recoñecido este curso, como o fora tamén na anterior edición coas composicións “Cor de acibeche”, “Ferruxe” e “Astronomia da linguaxe”.
RELATO CREATIVO. CATEGORÍA BACHARELATO
1º premio. Raquel Soto Sánchez
Pinga Orfa
Orballiño que madruga,
pinga orfa dunha choiva,
derradeira deste inverno
e a primeira que me toca.
Chama forte cando volvas,
pingueira que provoca
un meigallo no interior
desta gota que se esgota.
Nesta bágoa de río,
nesta pequena gloria
está enxoito o alarido:
hoxe o Sarela chora.
Voltará a chover un día
e as pingas serán rías,
e as rías serán mares.
Que será da miña gota
cando un día se me escape,
cando a Terra estea rota.
Gustaría da paisaxe
que de auga desborda.
Gustaría dunha vida
sendo nai da pinga orfa.
O estaxirita
2º premio. María Alvarellos Villaverde
“Rías Desesperadas”
Estou espida, estou seca,
fáltame a miña vestimenta,
como os filmes fóra da filmoteca,
ou os raios sen a tormenta.
Dime, nai, que eu fixen!
deilles todo e todo me quitaron.
Que fixen para que así me humillen,
eles chegaron, e con todo arrasaron.
Lourenzo sae como de costume,
as nubes comezan a chegar
e a chuvia enche a miña nudez,
e á vez estou a disecar.
O arranxo é moi simple,
sinxelo e mesmo obvio.
O uso da auga vixíe,
como se fose un precepto obrigatorio
Pecha a billa mentres te duchas.
Lembra non utilizar o baño como lixo
e, auga que non vas beber
non deixes correr.
Coa axuda de todos,
volveremos vestirnos
desa capa fina,
de auga cristalina.
RELATO CLÁSICO. CATEGORÍA BACHARELATO
3º premio. Joaquín López Rodríguez
A CURIOSA DESPEDIDA DUN CONVICTO
Querido fillo:
Como saberás houbo unha época na que os humanos viviamos na terra, non nesta merda de cárcere espacial. Pois por moito que os medios queiran comernos a testa con mentiras sobre as explosións das centrais nucleares a verdade é que a Terra quedou sen auga, por iso fuximos ao espazo arredor do ano 2050.
Xa sei o que estás a pensar, que estou de novo coas miñas conspiracións. Mais non. Dende 1950 o ser humano comezou a contaminar a terra, queimar os bosques e a temperatura subiu uns oito graos centígrados. Pero o descontrol comezou a partir do 2021, houbo unha pandemia mundial e coa urxencia sanitaria a xente esqueceuse de que estabamos a converter a Terra nun forno radioactivo.
Cando vos digo a ti e a túa irmá que non malgastedes auga na ducha, que non deixedes a billa aberta cando non a usades… esas cousiñas que sempre vos digo, fágoo para que non acabedes con Marte coma nós coa Terra.
Unha aperta,
Bieito.
—Deixou esta carta escrita na cela antes de que lle aplicásemos a pena de morte —dixo a alcaide. O fillo, entre bagoas marchou do despacho.