
Como nos gusta ler!
A semana pasada estivemos celebrando a Semana da Lectura na etapa de educación primaria!
As nenas e nenos de primaria mais o profesorado non podemos estar máis contentos e contentas co resultado da Semana Lectura. Puidemos gozar de cinco días cargados de todo tipo de actividades para motivarnos coa importancia da lectura, todas elas moi orixinais e divertidas.
Todas as mañás comezamos co concurso de “Adiviña-heroe”. Nos cinco primeiros minutos da mañá, os nenos e nenas de primaria tiñan que estar moi atentos e atentas xa que, a través da megafonía colexial, o profesor Marco lanzaba adiviñas que debían resolver e anotar nun papeliño. Ao final da semana, presentaron as súas respostas para participar nun concurso no que puideron gañar distintos premios relacionados coa lectura.
O alumnado tamén puido gozar duns recreos do máis divertidos grazas aos xogos dirixidos por membros do profesorado, que xiran en torno ás distintas habilidades dos heroes e heroínas máis coñecidos para eles.
Tamén puidemos ir ao teatro xa que tivemos a visita da compañía Trécola Producións co espectáculo do Monstrólogo, que nos veu falar dos distintos tipos de monstros.
Quixemos concienciar aos nenos e nenas e demostrarlles que ler é divertido, e é importante facelo en todas as linguas. Para isto, Maeve, a nosa auxiliar de conversación, estivo desenvolvendo a actividade de contacontos. O noso alumnado estivo gozando de marabillosas historias en lingua inglesa, e nós non podemos sentirnos máis agradecidas!
Foi unha semana fantástica que puido levarse a cabo grazas á implicación e colaboración do profesorado e do alumnado nas distintas actividades!
Esperamos con ganas á Semana da Lectura do próximo curso e, namentres, estaremos lendo e gozando das nosas historias favoritas!




