Celebración da semana da non violencia e da paz
Durante a semana do 25 ao 29 de xaneiro estivemos a celebrar no colexio Semana da Paz da Non Violencia.
Aproveitamos, como cada ano, para reflexionar sobre a importancia de sermos quen de crear entre todos e todas un ambiente de diálogo e de respecto nas nosas aulas. Para iso preparamos unha reflexión diaria, adaptada a cada etapa, desde infantil ata bacharelato. Deseñamos tamén unha dinámica para desenvolvermos nas sesións semanais de titoría.
Chegamos á conclusión de que cómpre que nos comprometamos a fomentar e a traballar cada día na construción dese ambiente de non violencia e de paz.
Ademais, para o venres, como peche da Semana, preparamos un breve acto, que debido ao tempo e á situación sanitaria puidemos compartir desde a propia clase. Redactamos un manifesto e compartímolo con todas as aulas. Para iso paramos durante uns minutos a nosa actividade lectiva diaria e escoitamos todos xuntos, pola megafonía do colexio, o noso desexo e intención de traballarmos pola paz. Nalgún nivel incluso houbo ocasión de bailarmos todos xuntos ao ritmo da melodía dunha canción acaída para a ocasión.