Historia do colexio
La Salle en Santiago de Compostela
La Salle como institución leva presente en Santiago de Compostela desde 1924. Durante aproximadamente 30 anos os Irmáns animaron e dirixiron a Escola da Inmaculada, que se converteu na semente da que logo agromou o colexio La Salle. A escola deu unha educación primaria moi axeitada, tanto que as empresas de Santiago competían para contratar os estudantes ao finalizar a escolaridade.
Grazas á colaboración dos antigos alumnos, que desexaban que os seus fillos continuasen os estudos secundarios, e ao apoio e xenerosidade da fundadora da Escola, D.ª Isabel García Blanco, colocouse a primeira pedra do colexio o 27 de xullo de 1953, coa presenza das autoridades, entre elas a do Sr. Arcebispo, Cardeal Quiroga Palacios.
Catro Irmáns cheos de ilusión chegaron uns meses antes para preparar o camiño: foron os Irmáns: Antonio Murillo (o primeiro director), Isidoro Arnaiz, Manuel Colina e Juan Santamaría. Como case todas as obras importantes, tivo un inicio moi humilde: comezaron as clases o 2 de outubro de 1953 con 109 estudantes, no n.º 22 da rúa de San Roque.
Mentres, as obras de edificación do novo colexio ían progresando. É de xustiza recoñecer a axuda desinteresada da Asociación "Amigos do colexio La Salle". Durante catro anos non foi recoñecido oficialmente, polo que os estudantes fixeron os exames oficiais no Instituto Arcebispo Xelmírez, tendo moito éxito nos resultados.
No curso académico 1955-56, coas obras do novo colexio a piques de finalizar, inician o traslado ás novas aulas. Ábrese a cafetería e o internado. Son xa 304 estudantes e a comunidade aumentou a 11 Irmáns. En breve chegarían o recoñecemento oficial como centro de Educación Secundaria, os éxitos dos festivais de ximnasia, o aumento a 387 alumnos, a inauguración da sala de teatro, capela, laboratorios...
O curso académico 1985-86, o colexio xa é mixto no seu alumnado. Nese mesmo ano obtivo o concerto xeral, aínda que xa o tiña parcialmente desde 1977. O colexio, mentres, continúa ampliando as instalacións cun amplo e funcional polideportivo. O ano 2003 celebraría as súas vodas de ouro baixo o lema: « Tendendo pontes e abrindo canles».
Son moitos os Irmáns e profesores que en todos estes anos deixaron o mellor de si mesmos polos nenos e mozos composteláns, comprometidos cunha educación integral, humana e cristiá. Xunto cos alumnos e os pais, son a mellor parte da historia. Que sexa por moitos anos.
Directores do Colexio La Salle Santiago
1953 -1959 Antonio Murillo San Román
1959 – 1965 Timoteo García Cuesta
1965 – 1967 Francisco Tudanca Martínez
1967 – 1970 Emiliano Medina Ozalla
1970 -1973 José María Valladolid Bañuelos
1973 – 1975 Gregorio de Frutos Sanz
1975 – 1978 Francisco Tudanca Martínez
1978 – 1982 Silvano Maeso García
1982 – 1989 José Couselo Esperón
1989 -1994 Juan Pablo Martín Dueñas
1994 – 2000 Gregorio de Frutos Sanz
2000 – 2005 Ángel Jesús Hernando Benito
2005 – 2012 Abraham Jorge Meneses Villagrá
2012 - 2018 Mª del Mar Fernández Balboa
2018 - actualidad Jesús Martín Gómez