23 de febreiro: Día de Rosalía
Este xoves, no colexio, unímonos á celebración do Día de Rosalía, facendo así unha homenaxe á nosa escritora galega máis universal.
Xa levabamos uns días preparando as distintas dinámicas para este día nos diferentes niveis de primaria. En primeiro e segundo o alumnado tivo que escribir palabras ou buscar imaxes que representasen o que senten cando pensan nas inxustizas que hai no mundo. Todo este material fórono colocando en dúas imaxes xigantes co rostro de Rosalía de Castro que estaban colocadas nos corredores do colexio.
En terceiro e cuarto de primaria estiveron lendo diferentes poemas da autora e tiveron que seleccionar catro palabras dos mesmos para usar como base para a creación de poemas novos. As nenas e nenos de sexto de primaria demostraron a súa gran creatividade escribindo relatos sobre as inxustizas que hai no mundo: maltrato animal, violencia de xénero, fame, guerras… Os resultados foron abraiantes e as obras foron pegadas polos corredores do colexio para que todas as persoas poidan gozar da súa lectura.
O alumnado de quinto de primaria tivo a sorte de poder asistir a un acto organizado por Escolas Católicas na honra de Rosalía de Castro e que foi celebrado na Alameda de Santiago. Alí xuntáronse nenas e nenos de distintos centros xunto co seu profesorado. O alumnado de cada colexio puido ler dous poemas da homenaxeada.
Á hora de comer continuou a celebración deste día tan especial. Sobre uns fermosos manteis nos que había imaxes e poemas de Rosalía de Castro, atopábase O Caldo da Gloria que os nenos e nenas puideron comer e desfrutar.
Foi unha xornada moi especial e agradecemos, unha vez máis, o traballo e implicación do profesorado e do alumnado da etapa.
“Dende aquí vexo un camiño que non sei a onde vai, polo mesmo que non sei, quixera podelo andar”