Xornadas de Orientación en Bacharelato
Este curso, coma todos os anos, o alumnado de Bacharelato tivo a oportunidade de asistir a varias charlas de orientación sobre o seu futuro, organizadas desde o Departamento de Orientación e a Xefatura de Estudos. As circunstancias que estamos vivindo este ano impediu realizar actividades tan demandadas como a Feira de Universidades ou os diálogos en pequenos grupos con profesionais de diversas ramas que se fixeron o curso pasado. Esperamos poder volver a ter estas actividades nos vindeiros cursos.
Como sempre tamén, contamos coa colaboración da ANPA, aínda que este curso non puidera ser tan activa a participación das familias. Con todo, o alumnado tivo a posibilidade de poder ter titorías on line individualizadas con diversos profesionais que son nais e pais no centro. Unha vez máis, o noso agradecemento.
A primeira charla tivo lugar o 9 de febreiro. Nela o alumnado de 2.º de Bacharelato foi informado de todo o proceso da ABAU e posterior elección de graos, co procedemento para matricularse, revisión, reservas… Foi una charla moi interesante e práctica, que aclarou moitas dúbidas.
Entre o 12 de marzo e o 6 de abril houbo no centro un total de 10 charlas sobre outras tantas carreiras, segundo a demanda do alumnado. Estas charlas tiveron lugar no teatro, con grupos reducidos (só o alumnado da opción correspondente), debido as restricións sanitarias, pero resultaron moi clarificadoras e produtivas.
Os alumnos tiveron oportunidade de participar en encontros virtuais nas universidades galegas e algúns dos grupos puideron contar con clases prácticas de profesores universitarios da USC e da UDC nas “charlas temáticas”.
Foi de moita axuda a participación de ex-alumnos que están agora na universidade e que contaron a súa experiencia nalgunhas clases de Bacharelato. Queremos agradecer especialmente a presenza de Alba Covelo que nos axudou a que os alumnos de varias aulas de Bacharelato puidesen ver as luces e sombras dunha carreira en investigación.
Confiamos en que o curso que vén poidamos incorporar novas actividades e recuperar outras que contribúan á mellor orientación posible ao noso alumnado, un dos principais obxectivos da etapa.