Unha experiencia única na Catedral de Santiago de Compostela
O pasado luns 18 de novembro, o alumnado de Historia da Arte de 2º de Bacharelato do colexio La Salle realizamos unha excursión á Catedral de Santiago de Compostela. Foi unha saída moi especial que nos axudou a entender mellor moitos dos conceptos que estudamos nas clases e, ao mesmo tempo, a conectar coa riqueza do noso patrimonio cultural.
A visita comezou no museo da Catedral, onde descubrimos pezas históricas que nos deixaron impresionados. Entre os obxectos que máis nos chamaron a atención estaba a escultura da cabeza cun colar, coñecida popularmente como o arqueiro. A súa antigüidade e significado simbólico fan dela unha peza fascinante que representa a esencia do pasado medieval. Vimos a reconstrucción do Coro Pétreo de Mateo e outras dependencias interesantes, como o Tesouro, á Sala Capitular, a zona de tapices ou a Biblioteca, onde poidemos contemplar o Códex Calixtino.
Ver de preto obxectos así é unha experiencia que cambia completamente a maneira de aprender, pois nos permite achegarnos á historia de forma máis viva e real.
A continuación, dirixímonos á fachada das Praterías, un exemplo espectacular da arte románica que temos a sorte de ter en Galicia. Os relevos e detalles que decoran esta parte da catedral son unha auténtica lección de historia en pedra. Poder observar todo con calma e escoitar as explicacións sobre a iconografía permitiunos comprender mellor o contexto cultural e relixioso da época na que foi construída.
Despois dun paseo polo deambulatorio, onde fumos repasando as palabras técnicas que entran na PAU, tivemos unha visita guiada ao famoso Pórtico da Gloria. Este foi, sen dúbida, o momento máis especial da excursión. Grazas ás explicacións detalladas da guía, descubrimos o significado das figuras e a habilidade dos mestres que deron vida a esta obra mestra do románico. Impactounos especialmente ver os restos de policromía, que nos permitiron imaxinar como debía ser o seu aspecto orixinal.
En resumo, a excursión á Catedral de Santiago foi unha actividade inesquecible, tanto desde o punto de vista educativo como emocional. Agradecemos ao colexio e ao profesorado que organizasen esta saída, porque nos axudou a ver a arte e a historia con outros ollos. Sen dúbida, experiencias coma esta son as que fan que aprender sexa algo apaixonante.