Xuntanza do equipo de orientación e apoio en Valladolid
O grupo, integrado por 15 orientadores da zona noroeste, reuniuse o pasado mércores, 27 de outubro, na residencia vallisoletana de Arcas Reales. Do noso colexio asistiu Juan Manuel Pérez.
O acompañamento do proceso persoal de aprendizaxe é un valor de longa tradición lasaliana. Guiar, acoller e dar resposta ao que o alumno vai necesitando en cada fase vital e académica do seu itinerario foi sempre, e é, unha prioridade para os educadores de La Salle. Tomando como eixe vertebrador o Novo Contexto de Aprendizaxe, nova metodoloxía despregada nos centros educativos do Instituto, a xornada de traballo estruturouse en cinco sesións diferentes en correspondencia cos cinco ámbitos que propón o NCA.
Tras un primeiro momento de acollida e reflexión sobre a importancia do labor de orientación nos centros, procedeuse á presentación do documento “A orientación dentro de NCA”. Este documento, integrado dentro da proposta metodolóxica, presenta de xeito concisa o rol e o labor dos orientadores neste novo contexto. Os temas centrais abordados polos presentes, a raíz do citado documento, foron as dinámicas de acción titorial, a avaliación do proceso de ensino-aprendizaxe, a atención á diversidade e a orientación profesional e vocacional nas diferentes etapas. “É importante que os alumnos cheguen a ser o que son capaces de ser” -matizou en varios momentos Iñaki Asegurado, Delegado de Educación da zona noroeste.
A segunda metade da xornada trouxo consigo o testemuño de Alba O., Javier P. e Antonio F., alumnos do colexio La Salle de Valladolid. Desde o seu proceso individual, falaron do significativo que foi, no seu proceso persoal e educativo, o labor da orientación de cara a reformular adversidades, dificultades e incertezas no seu camiño; un tempo compartido moi enriquecedor que deu a pé a un amplo diálogo e reflexión en grupos pequenos.
A modo de peche, os presentes definiron un calendario común para ir concretando as liñas de traballo futuro respectando a realidade concreta de cada colexio. “Definir unha folla de ruta común, malia a diversidade dos contextos locais, é fundamental para xerar unha dinámica de recursos e propostas moito máis ampla e eficiente” -concluíu o Ir. Francisco Mateo, Director da Rede.