Premios Minerva
Un escribe para botar fóra aquelo que ten dentro, a poesía son doses exactas de morfina necesarias ás veces para paliar a sordidade da vida. Que os versos dun, que son máis ben apuntamentos da vida propia sexan premiados dúas veces nun certame de longa traxectoria como o Minerva, organizado polo Colexio Manuel Peleteiro é unha verdadeira honra.
Ser galardoado cun premio Minerva na súa quincuaxésima e quincuaxésimo primerira edicións é algo que levarei sempre conmigo, polo seu significado histórico e literario. Algunhas das plumas máis sobresaíntes do país na actualidade, como Darío X. Cabana, Xesús Rábade, Lois Diéguez ou Suso de Toro foron tamén premiadas na súa adolescencia neste certame, e na actualidade moitos dos premiados auguran tamén un futuro brillante.
Na entrega destes premios literarios este ano 2023 acompañounos como mantedor do acto Antonio García Teijeiro, cuxas palabras de inspiración estou seguro de que calaron en moitos dos que estabamos alí sentados, ao futuro. Un futuro que está sen dúbida escrito en verso.
Andrés Collantes – 2.º Bacharelato