Os nosos avós e avoas tamén foron pequenos!
No colexio La Salle apostamos por unha aprendizaxe baseada en proxectos e, en primaria, xa comezamos co primeiro proxecto do segundo trimestre.
Neste caso, queremos presentarvos a experiencia que está a vivir o noso alumnado de primeiro. Os nenos e nenas están investigando, reflexionando e afondando no pasado dos seus maiores. Tivemos a sorte de poder contar coa colaboración de moitos dos seus avós e avoas que nos enviaron vídeos nos que nos contaban como era a vida cando eles eran pequenos. Faláronnos de como era a escola da súa época, dos xogos tradicionais e dalgúns dos seus recordos máis anecdóticos.
Ademais, sentímonos moi afortunados e afortunadas xa que o irmán Carreira achegouse ás nosas aulas a contarnos en primeira persoa como foi a súa infancia. As nenas e nenos mostrábanse abraiados ao darse conta de como cambiou a vida nestes últimos anos. Tamén, ao longo destas semanas tivemos a colaboración do irmán Reboiras e do profesor Pico que viñeron a falarnos das festas máis tradicionais: o Entroido, a festa de San Xoán, a festa da Árbore, a festa do Carneiro, a festa da Malla e a festa do Maio. O alumnado preguntaba con moita curiosidade tódalas dúbidas que ían xurdindo.
Se algo temos na nosa escola é profesorado e persoal disposto a colaborar no se que se lle pida. O profesor Carlos Hierro e o profesor Carlos Casal fixéronnos pasar un rato auténtico no que tanto as nenas e nenos coma o profesorado que nos atopabamos con eles aprendemos moitas cousas sobre os instrumentos musicais tradicionais de Galicia. Puidemos ver e escoitar numerosos instrumentos: cunchas de vieira, tarrañolas, unha ocarina, a pandeireta, un pandeiro, o tamboril e incluso unha gaita! Ademais, tivemos a inmensa sorte de poder desfrutar dun pequeno concerto no que os dous profesores, un coa gaita e outro co tamboril, tocaron unha jota, unha muiñeira, unha polca, unha rumba e un pasodobre. Os nenos e nenas tamén puideron participar nalgunha peza cantando e dando palmas.