Grazas Antonio – Contigo comezou todo fai 35 anos
- Categorías Actualidade, Colexio
- Data Xuño 4, 2020
A propósito da xubilación do profesor Antonio R. Aldemunde
Luís Rilo
Hai homes que fan escola un día e son bos.
Hai outros que fan escola un ano e son mellores.
Hainos que fan escola moitos anos e son moi bos.
Mais hai os que fan escola toda a vida:
eses son os imprescindibles.
(Coa licenza de B. Brecht)
[Luís R., Eidos, marzo 2005]
Persoas que teñan completado tantos anos ininterrompidos na docencia (42) hai poucas; que os teñan cumprido con tanta dedicación menos; pero que os teñan celebrado con tanta dignidade e ningún reproche, ningún. Só por isto, formas parte dos grandes dese marabilloso mundo da docencia e como, ademais, fuches fiel á mesma institución e ao mesmo centro deberías estar inmortalizado nalgún deses corredores nos que o pasado mes de marzo os alumnos do curso 2019-20 celebraron a túa xubilación.
Chegaches cando eu era alumno, mais chegaches tarde. Xa tivera que aprobar as Matemáticas de 2º de BUP con métodos dubidosos e a necesidade de manter a beca obrigoume a ir por Letras. Xa daquela souben que a túa incorporación xunto co profesor Rama ía marcar un antes e un despois da docencia das Matemáticas no Colexio La Salle.
Volvemos reencontrarnos de xeito habitual en febreiro de 1985 cando me incorporei como escolante sendo un imberbe. A miña obrigada madurez levoume a unirme aos veteranos e ao grupo do sofá das 3 da vella sala de profesores. Alí recibín cátedra de todos. Dos xa finados Loló del Río, Álvarez, Baña, Redondo; dos xa xubilados Lobeto, Carlos Martíns, Moncho Reboiras, Esteban, Costoyas, Duyos, Cándido... Como non, tamén de Luisa, Tere, Elisa, Bety, Carmiña, Nina, Pily, Ana... E dalgún máis que me deixarei na memoria.
Esa convivencia foi para min un mestrado de docencia. Seguín a máxima do golf: está prohibido dar consellos, pero pódese preguntar. Preguntei o que non está escrito. Eu aprendín cos bos e xenerosos.
Nos 35 anos que nos trouxeron ata aquí compartín contigo a docencia, as miñas vacacións, as nosas afeccións comúns polo deporte, a música... Repasarei polo tanto, por décadas, dadas as limitacións de espazo, este percorrido e a través das imaxes que conservo. Estás e case todas.
Nos 80 leváchesme á sala de informática (nova do trinque) na que Rama, ti e o Ir. Aquilino nos ocupamos tantas tardes nos “detalles”. Alí naceu a base de datos da miña biblioteca (agora reconvertida co dBASE) a través da programación en Basic ou Cobol e nas impresoras matriciais.
Nos 90 fomos habituais en todas as pachangas pais-profesores de fútbol primeiro e logo de fútbol-sala no novo pavillón. Tamén compartimos equipo na liga de veteranos aínda que os dous chupamos moito banco na friaxe e na humidade do vello pavillón do Sar. Non logrei levarte comigo á creación do equipo sénior de baloncesto, mais algunha canastra si anotaches. Fuches equipo directivo e eu cronista oficial, ademais de compoñedor de discursos.
No novo milenio aventurámonos naquel paseo pola historia da música galega que tan gratificante nos resultou e creamos Maiolongo. Foron dous anos marabillosos. Máis o foi aínda reencontrar a parte de Maiolongo naquel sorpresivo 2013 no que eu cumprín 50 e ti me enganaches vilmente pedíndome o bothram para o Festival do Sar.
O anos 10 trouxeron o proxecto máis bonito que eu vin nacer no Colexio, o Grupo de sendeirismo La Salle no que empeñaches fins de semana, mes tras mes e ano tras ano para mantelo vivo. Aínda que eu (nós se sumo a Vibel) nos incorporamos máis tarde (2012), pódoche dicir que hai un antes e un despois nas nosas vidas. Pro fin, puiden imitar a Domingo Fontán.
E así chegamos a marzo de 2020, eu fixen 35 anos, perdín toda esperanza (prexubilación, redución horaria...) e ti completaches o ciclo. O último de todos aqueles cos que eu comecei, o último a quen recorrín e grazas a quen me mantiven fiel ao meu nivel de esixencia e ás miñas crenzas. O último dos que no seu momento nos autodenominamos “xornaleiros da tiza”. En Primaria seguen coa mesma angueira Pico, Xaime, Carmela, Carlos, Dino...
E aquí me tes, triste e só coma Fonseca, botándote de menos e “lamentando” que non puideses descubrir este fantástico mundo da teledocencia por unha semana. Pagaría por seguir as túas videoconferencias!
Sabes que me mantén en pé! Saber que ao camiño comezado en 2010 aínda lle quedan moitas etapas, que poderemos andalas xuntos, ti co teu xubileu e eu agardando... Ademais, como detrás de todo gran profesor sempre hai unha gran muller, aí estarán María José e mais Vibel para acompañarnos e todos os que queiran seguir facendo camiño.
Resistiremos!!