Encontro formativo para o novo profesorado de segundo curso en Arcas Reales
O pasado sábado 12 de marzo reuníronse na residencia Arcas Reales (Valladolid) 20 profesores de segundo curso da zona noroeste para vivir unha xornada de formación e encontro. A esencia do educador, o traballo de acompañamento entre educadores e as características fundamentais do titor lasaliano foron os temas centrais do programa formativo. Dende o noso colexio asistiron Lucía Vázquez, Diego Mallou e Carlota Blanco.
A formación continua e o traballo cooperativo son dúas características fundamentais do colexio La Salle. Dentro do plan de carreira que a organización lasaliana traballa cos seus profesionais, está o seguimento e formación institucional do profesorado de nova incorporación para facilitar o proceso de adaptación inicial nos centros. La Salle é unha realidade moi ampla na que a palabra educar ten un significado moito máis amplo que o de contidos e conceptos docentes, e é fundamental que todos os profesionais sexan conscientes do seu propio carácter e valores.
A xornada comezou cunha reflexión inicial, a cargo do irmán José Antonio Ramos (delegado de Formación e Asociación), sobre a Coresma como tempo de esperanza e conversión, e a importancia de transmitir esta mensaxe a todas as comunidades educativas. Formamos parte dunha realidade global na que “a educación é a esperanza do mundo presente e do futuro, así como unha resposta profunda á chamada persoal do educador”, dixo o delegado da formación lasaliana. espois de moito tempo para coñecernos e compartir inquedanzas e experiencias vividas nos centros, o horario de traballo da mañá centrouse na presentación da Guía de Benvida e na definición das características fundamentais do acompañamento na práctica educativa. Ata o remate da mañá, dende a temática das vangardas holandesas, alternáronse momentos de explicación e momentos para compartir en grupos mixtos. Despois dun espazo de reflexión común sobre os trazos elementais do titor lasaliano, os participantes puxéronse mans á obra ao máis puro estilo mondriaense e debuxaron sobre o lenzo a esencia do educador lasaliano.
O traballo da tarde, dirixido polo irmán Javier Abad, salientou as raíces do titor lasaliano a partir dos referentes directos dos tempos do fundador. Unha xornada de encontro, formación e experiencia compartida para recargar pilas e seguir medrando e creando na escola do s. XXI.