Semana de animación á lectura en Primaria
O colexio La Salle, de Santiago de Compostela, segue festexando co alumnado, a pesar das dificultades vividas ao longo deste curso, as datas importantes; iso sí, de xeito diferente. Con motivo do día do libro, o 23 de abril, celebrouse unha semana enteira de animación á lectura en toda a etapa de Educación Primaria, axustando os protocolos e sacándolles o máximo partido a todas as dinámicas propostas ao longo destes cinco días.
O luns 19 de abril, os alumnos e alumnas atoparon os corredores ambientados con diversos motivos, como fotografías imitando portadas de libros, que os nenos enviaran durante o confinamento do curso pasado; murais decorativos dos corredores, relacionados cos seus libros favoritos (A árbore de lecturas, Sorbiños de lectura e Gústanos ler)… Ademais, algún mestre, facendo gala de creatividade e ledicia, faloulles brevemente aos nenos e nenas pola megafonía contando curiosidades e historias relacionadas cos libros e coa lectura e motivándoos a realizar a actividade do adiviñaconto: cada un dos cinco días fóiselles dando pistas para que puidesen adiviñar os títulos de diversos contos clásicos. Ao final da semana sorteáronse libros de contos por clase entre todas as papeletas nas que os rapaces escribiron os títulos.
Tamén se levaron a cabo outras actividades por niveis, para achegar á realidade de cada neno e nena historias, contos, lendas, o quefacer dos escritores, a investigación de datos… en fin, todo o traballo que hai detrás dun libro. Ademais, viron plasmado este traballo creativo a través dunha videoconferencia cunha das autoras do Guerreiras de lenda, Maite Mosconi. A maiores, o alumnado de 3.º e 4.º puido escoitar dous contos narrados en Lingua Inglesa, a través dunha videoconferencia con Ben Carter. Os niveis de 5.º e 6.º, tamén por videoconferencia, desfrutaron dun obradoiro coa ilustrador Raquel Senra (de Árbore azul), que lles explicou aos alumnos e alumnas como se desenvolve o proceso para ilustrar un libro; ademais, fixo algunhas actividades prácticas con eles.
Todas estas actividades puideron organizarse grazas á inestimable axuda da librería Os mundos de Carlota, que apoiou ao colexio e axudou a buscar artistas que estivesen dispoñibles a través de videoconferencia, e, como non, grazas ao equipo de mestres e ao alumnado, sempre entregados.